31.12.07

Mitin?

Onte houbo mitin:

O acto comezou coas palabras do cardeal Agustín García-Gasco, arcebispo de Valencia, que criticou "a cultura do laicismo", que cualificou como "unha fraude" que "só conduce á desesperación polo camiño do aborto, o divorcio express e as ideoloxías que pretenden manipular a educación dos mozos", e polo que nos diriximos á disolución da democracia".

Despois tomou a palabra o cardeal e arcebispo de Toledo, Antonio Cañizares, que asegurou que a familia está baixo "amenezas claras e ataques de gran calado", que supón un "ataque grave para o futuro da sociedade".

Rouco Varela cualificou a situación da familia como "o problema máis grave da sociedade", ao enfrontarse a quen "relativizan radicalmente a idea da familia" e a ameazas como "a violencia doméstica e os abortos", estes últimos cualificados como "praga", que "interpelan fortemente ás nosas conciencias".

"Quen obstaculiza a institución da familia, aínda que sexa de forma inconsciente, fai que a paz nacional e internacional sexa máis fráxil", asegurou o cardeal Rouco Varela, quen cualificou como de "valor insubstituíble" o matrimonio entre un home e unha muller, "célula e vital da familia".

O arcebispo de Madrid citou directamente o artigo 16.3 da declaración dos dereitos humanos: "Constatamos tristemente que o ordenamento xurídico español deu marcha atrás con respecto á declaración de Dereitos Humanos da ONU", asegurou Rouco Varela.

"Ofrecemos o noso testemuño, non o impomos", asegurou o cardeal Varela para acto seguido chamar á "evanxelización da sociedade española".

(Ler máis no diario EL PAÍS)

Preséntanse as próximas eleccións ou apoian a algún partido?
A min estas palabras parécenme un abuso e recordanme tempos pasados.
Será que deixamos que abusen de nos, como opina algún deles dos abusos a menores?

Se Xesucristo levantara a cabeza...

...Gentuza, la virgen!!
Asinado: Un ¿mal cristián?

17.12.07

Desfase? (dixital?)

Internet e, en xeral, as novas tecnoloxías son unha ferramenta moi poderosa para a información e o coñecemento, pero debemos ensinar aos novos o seu emprego. Non como se manexan (que nese aspecto dannos mil voltas) senón para que cousas debemos manexalas. Se non conseguimos iso converteremos a Rede nunha web 3.0 de lixo dixital. Non quero recordar nin, moito menos, dar publicidade a algunhas novas aparecidas ultimamente nos xornais que amosan como a xuventude se divirte, tristemente, facendo tolerías perigosas ou maltratando a algún indefenso.

Estamos ante un novo xeito de entretemento da xuventude. Agora estes rapaces (menores e non tan menores) mudaron o xeito de entender o ocio. Ou polo menos o xeito que entendemos os da miña xeración (que xa sobrepaso os 40). Eles son nativos dixitais (non sei se isto ten algo que ver) e, ademais de divertirse en grandes comunidades, precisan gravalo e compartilo todo dando a impresión, en algúns casos, que canto maior é a barbaridade gravada máis satisfacción (ficticia) lles produce. É como se houbera un ÓSCAR ao vídeo máis aberrante ou á foto máis despreciable. Unha grande parte dos vídeos e fotografías de Youtube e Fotolog, respectivamente, son imaxes das novas esmorgas 2.0 e demostran o dito.

É por iso que dubido se as denuncias e imaxes nos blogs locais (este incluído) dos excesos de fin de semana non estarán tendo o efecto contrario ao que pretenden. Se eles mesmos publican os seus desfases, poida que se enorgullezan de saír en blogs de denuncia. (E a semana que ven, quizais, máis...!)

Somos as familias (particularmente pais e nais) as principais responsables de preocuparnos por coñecer o que fan os nosos "benxamíns" nas súas correrías diúrnas ou nocturnas e creo que, en bastantes máis casos dos desexables, esta é unha responsabilidade que se elude. Non creo que non haxa unha boa cantidade dos que ledes este blog que, se saídes un sábado pola noite nunha vila como esta, non vexades bastantes menores en actitudes pouco recomendables...

Como rematar con isto?...
Non sei, pero supoño que os posibles fillos destes mozos estarán un pouco máis controlados polos que hoxe, pais no futuro, campan ás súas anchas. E non penso que sexa por boa educación, senón porque saben dos perigos deste ¿desfase?