6.3.08

Cidadanía en contra da Educación?

Artigo longo e difícil de ler.
Pero... Por favor, comentade algún aspecto que credes que non se debería tocar na escola:

Educación para a cidadanía (2º ESO, alumnado de 13 anos)

Contidos:
Bloque 1. Contidos comúns.

  • Identificación de problemas actuais, a súa conceptualización e reflexión argumentada.
  • Análise comparativa e avaliación crítica de información proporcionadas polos medios de comunicación sobre un mesmo feito ou cuestión de actualidade.
  • Prácticas de exposición (oral e escrita) das ideas propias ou dos resultados das lecturas e da información obtida a través de diversos medios.
  • Preparación e intervención en debates, sobre aspectos relevantes da realidade social, considerando as posicións e alternativas existentes e desenvolvendo unha actitude de compromiso para a súa mellora.
  • Utilización do diálogo como estratexia para a identificación dos conflitos e a solución dos problemas.
Bloque 2. Relacións interpersoais, convivencia e participación
  • Comprensión e incorporación dos conceptos de amizade, fraternidade, dignidade, sinceridade, agradecemento, cordialidade, diálogo, etc., básicos para a convivencia.
  • Recoñecemento e valoración da convivencia familiar como un sistema de comunicación e cooperación entre xeracións. Posibles disfuncións: análise e busca de solucións compartidas.
  • Recoñecemento e valoración da amizade como un sistema de comunicación e cooperación entre iguais.
  • Valoración e uso do diálogo como instrumento para a prevención e resolución de conflitos nas relación entre iguais e nas relacións interxeracionais.
  • Análise da importancia da sexualidade na vida humana, da necesidade dunha regulación ética das relacións sexuais baseada no respecto e na equidade e prevención de prácticas de risco.
  • Valoración crítica da división social e sexual do traballo e rexeitamento de prexuízos racistas, xenófobos, homófobos e sexistas.
  • Axuda a compañeiras, compañeiros e, en xeral, a persoas en situación desfavorecida e responsabilización no coidado das persoas dependentes.
  • Participación no centro educativo e en actividades sociais da comunidade como aprendizaxe dos deberes cidadáns. Especial incidencia na mediación e acollida de alumnado inmigrante.
Bloque 3. Deberes e dereitos cidadáns.
  • Identificación e exercicio dos deberes e dereitos que teñen como alumnado dun centro.
  • Coñecemento e manexo da Declaración universal dos dereitos humanos, asunción dos deberes e responsabilidades que dela se derivan e valoración do proceso de recoñecemento e proclamación dos dereitos humanos como unha conquista histórica inacabada.
  • Recompilación de información sobre os distintos tipos de documentos que recollen a lexislación internacional sobre os dereitos humanos (declaracións, pactos, convenios...) e sobre os mecanismos de control e protección dos acordos.
  • Recoñecemento da igualdade das persoas en dignidade e dereitos, identificación e condena de situación de violacións dos dereitos humanos e coñecemento dos recursos para denunciar e combater a violación dos dereitos.
  • Valoración das diferenzas de xénero como enriquecedoras das relacións interpersoais. Coñecemento dos dereitos das mulleres na nosa sociedade actual e a loita pola súa consecución. Recoñecemento da igualdade de dereitos de mulleres e homes e identificación e rexeitamento das situacións de discriminación de feito das cales aínda son vítimas as mulleres.
Bloque 4. Democracia e cidadanía.
  • Identificación do sistema de dereitos e deberes como base da convivencia política. Valoración do exercicio dunha cidadanía activa, que coñece os seus dereitos e asume as súas responsabilidades. Os sistemas de votación democrática.
  • Identificación das principias institucións e dos conceptos fundamentais que definen un sistema democrático.
  • Identificación e coñecemento dos principios, dereitos e deberes fundamentais recoñecidos na Constitución española e no Estatuto de autonomía de Galicia. Identificación e valoración das diversas formas de participación cidadá: cooperación, asociacionismo e voluntariado.
  • Valoración da política como servizo á cidadanía: a responsabilidade pública. Información sobre a estrutura e funcionamento da protección civil e coñecemento do seu papel na prevención e xestión dos desastres naturais e provocados. Os sistemas de votación democrática.
  • Asunción da responsabilidade cidadá: identificación e aprecio dos bens comúns e servizos públicos. Valoración dos impostos como a contribución dos cidadáns aos gastos e investimentos públicos e como instrumento para a distribución da renda e compensación das desigualdades.
  • Reflexión sobre as causas, avaliación das consecuencias dos accidentes de circulación e implicación na súa prevención.
  • Coñecemento dos dereitos e deberes que implica o consumo, planificación de condutas e adquisición de hábitos de consumo racional e responsable compatible coa sustentabilidade.
  • Observación do impacto das actividades individuais e colectivas sobre o ambiente e valoración da responsabilidade polo seu coidado.
Bloque 5. Cidadanía en tempos de globalización.
  • Valoración da diversidade social e cultural como enriquecedora da convivencia nunha sociedade plural. Identificación dos elementos culturais propios que poidan estar en perigo nun mundo globalizado e posibles solucións
  • Identificación de situacións de violación de dereitos e sensibilización fronte ás necesidades de colectivos e grupos desfavorecidos. Planificación de iniciativas encamiñadas á construción duna sociedade máis xusta e solidaria.
  • Identificación dos principais conflitos no mundo actual e sensibilización ante as situación das persoas que sofren directamente as súas consecuencias. Información sobre o papel dos organismos internacionais e as forzas de pacificación na prevención e resolución dos conflitos. Identificación e valoración das acción individuais e colectivas a favor da paz.
  • Análise e valoración da influencia das novas formas de comunicación, información e mobilidade no establecemento de relacións globais entre as persoas de diferentes lugares do mundo e das consecuencias da globalización económica.
  • Sensibilización ante as desigualdades: riqueza e pobreza. Coñecemento de iniciativas encamiñadas á loita contra a pobreza e a axuda ao desenvolvemento.
Vistos estes contidos (extraídos sen engadir nin quitar nada do Decreto 133/2007, do 5 de xullo, polo que se regulan as ensinanzas da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia), non credes que poderían obxectar a calquera materia do currículo?

E ti, a que obxectas?
A Matemáticas?
A Bioloxía?
A Historia?
...