Desfase? (dixital?)
Internet e, en xeral, as novas tecnoloxías son unha ferramenta moi poderosa para a información e o coñecemento, pero debemos ensinar aos novos o seu emprego. Non como se manexan (que nese aspecto dannos mil voltas) senón para que cousas debemos manexalas. Se non conseguimos iso converteremos a Rede nunha web 3.0 de lixo dixital. Non quero recordar nin, moito menos, dar publicidade a algunhas novas aparecidas ultimamente nos xornais que amosan como a xuventude se divirte, tristemente, facendo tolerías perigosas ou maltratando a algún indefenso.
Estamos ante un novo xeito de entretemento da xuventude. Agora estes rapaces (menores e non tan menores) mudaron o xeito de entender o ocio. Ou polo menos o xeito que entendemos os da miña xeración (que xa sobrepaso os 40). Eles son nativos dixitais (non sei se isto ten algo que ver) e, ademais de divertirse en grandes comunidades, precisan gravalo e compartilo todo dando a impresión, en algúns casos, que canto maior é a barbaridade gravada máis satisfacción (ficticia) lles produce. É como se houbera un ÓSCAR ao vídeo máis aberrante ou á foto máis despreciable. Unha grande parte dos vídeos e fotografías de Youtube e Fotolog, respectivamente, son imaxes das novas esmorgas 2.0 e demostran o dito.
É por iso que dubido se as denuncias e imaxes nos blogs locais (este incluído) dos excesos de fin de semana non estarán tendo o efecto contrario ao que pretenden. Se eles mesmos publican os seus desfases, poida que se enorgullezan de saír en blogs de denuncia. (E a semana que ven, quizais, máis...!)
Somos as familias (particularmente pais e nais) as principais responsables de preocuparnos por coñecer o que fan os nosos "benxamíns" nas súas correrías diúrnas ou nocturnas e creo que, en bastantes máis casos dos desexables, esta é unha responsabilidade que se elude. Non creo que non haxa unha boa cantidade dos que ledes este blog que, se saídes un sábado pola noite nunha vila como esta, non vexades bastantes menores en actitudes pouco recomendables...
Como rematar con isto?...
Non sei, pero supoño que os posibles fillos destes mozos estarán un pouco máis controlados polos que hoxe, pais no futuro, campan ás súas anchas. E non penso que sexa por boa educación, senón porque saben dos perigos deste ¿desfase?
2 comentarios:
Noraboa polo artigo xa que son verdades coma puños, coma sempre, e benvido a rede pois te botábamos de menos.
Apertas.
Penso que és un pouco esaxerado. As esmorgas 2.0 son unha release máis avanzada das esmorgas 0.5 con que nos divertiamos os que agora temos 40 anos.
O que pasa é que agora as comparten na Rede mentras que nos nosos tempos as compartiamos nos "chat tabernarios" e o Youtube non ía máis aló dos Equitativa.
A inmediatez da Rede e a súa virtual gratuidade fai que os "delincuentes", que os hai agora coma entón e son minoría coma entón, atopen un medio perfecto para a distribución da súa actividade.
E por iso si estou contigo en que hai que "autolimitar" o uso das plataformas publicitarias desta delincuencia adolescente para evitar que prolifere e que os nosos rapaces acaben pensando que son comportamentos normáis ou aceptábels.
Témome que as denuncias na eumesfera están, como ti be dís, a producir un efecto perverso é, en lugar de concienciar ás autoridades, están a ser os noticiarios dos incívicos. As autoridades, penso, xa tiveron tempo de tomar nota da preocupación dos blogs por este tema e agora e competencia deles arranxalo.
Agora a tarefa é das autoridades e como dís dos páis que son os que están maís capacitados para arranxar este problema.
Deixémoslles que o fagan...
Publicar un comentario