14.6.09

O castelán periga en Galicia?

Que o castelán periga en Galicia e que se impón o galego no ensino foi un dos argumentos máis empregados polo PP e os seus amigos de Galicia Bilingüe (ten coña o nome, en algúns sitios coñécese por Galicia Bífida) na pasada campaña electoral. Pero unha mentira, por moito que se repita, non deixa de ser mentira; aínda que moita xente a crea.

Nada máis lonxe da realidade: o que perigaba (si, en pasado) en Galicia era o noso idioma galego. Escasos son os centros de ensino onde se cumpre o famoso Decreto que o PP vai derogar, escasos outros centros da Administración onde se cumpre a Lei de Normalización, escasos os políticos que falan, medianamente ben e fluído, o galego.

E poño o verbo en pasado porque hoxe non periga o galego, hoxe está ferido de morte por capricho electoral dos nacionalistas españois.

Pregúntome se algún día consultarán a pais e nais se na escola se deberan dar ou non os logaritmos ou a trigonometría en Matemáticas, ou se evitamos que expliquen en Historia o golpe militar do 36 contra un goberno democrático, ou ...
En fin, ... cando será o día que gobernen polo interese xeral, pola cultura e pola educación. Defendan o que é noso. O noso idioma é do pouco do que podemos presumir e compracernos; e a escola é dos poucos sitios onde os rapaces conviven con el.

Galicia bilingüe? Quen me dera! (ou trilingüe...)

Sobre o galego xa se falou algo neste blog e para saber máis este tríptico de "As linguas suman".

10.6.09

Aparcamento?

En Pontedeume hai problemas de aparcamento! Afirman comerciantes, algúns veciños e algúns automovilistas.

Efectivamente todos tivemos algúns destes problemas cando (eu fágoo esporadicamente) tentamos levar o coche ata a porta do establecemento ao que nos diriximos. O mesmo nos pasa na Coruña, en Ferrol ou en Madrid; non sei como, pero nunca somos quen de aparcar na porta do local ao que nos diriximos. Ben é certo que nestas cidades soe haber un aparcadoiro (de pago) preto destas zonas e, como mal menor, andamos 400 ou 500 metros e todo arranxado.
O problema é nesta vila dos Andrade. Aquí ás veces temos que aparcar a 100, 200 ou 300 metros do noso destino (se non facemos como algúns que aparcan enriba da beirarrúa ou en calquera outro sitio prohibido). Preguntarédesvos onde está o problema: Pois debe ser que nunha cidade 500 metros é moi pouco pero en Pontedeume 300 é unha distancia insalvable. (Será por aquelo das proporcións, e claro, en linea recta, de Caldagueiro á ponte da autoestrada hai pouco máis de kilómetro e medio).



Outro inconveniente pode ser a falta de escaparates, entón o camiño faise máis longo e pesado. Por iso non podemos aparcar en Cabanas xa que temos que andar máis de 500 metros pola ponte.


A que un paseo de maior distancia pola Coruña parece moi distinto?:


Xa sei que ás veces andamos con presas e non podemos pasear, pero nas cidades si paseamos (aínda que como é a presa non lle chamamos así). Deixemos tanto coche, sexamos máis peóns (enriba é saudable), fagamos do casco vello un espazo peonil, deixemos as zonas verdes e as deportivas para o esparcimento (potenciemos que se usen para o que están concebidas).

Busquemos solucións a longo prazo, non parches. (Para parches temos nos IES aparcadoiros, enfrente do centro de saúde hai aparcadoiro infrautilizado, no Hotel Eumesa hai espazo "público-privatizado" sen utilizar).

Fagamos un uso racional do coche e convidemos aos nosos visitantes a que o fagan. Se non veñen máis visitantes, creo que non é polo aparcamento. Se lles damos bos servizos públicos, bos servizos privados, limpeza, educación, amabilidade, respecto, coidado do entorno e actividades de calidade é posible que se acheguen algúns máis.

(Imaxes de Google Earth)