28.5.07
27.5.07
Xornadas de reflexión?
Resultados (ás 22:40):
Parece que algún debe reflexionar agora.
Ten, nada máis e nada menos, 4 anos para pensar en que se equivocou.
Xa analizaremos os resultados con calma e veremos que fai o novo goberno: PP-COE?
Publicado por Eduardo ás 10:40:00 p. m. 2 comentarios
26.5.07
É isto política?
Fin de campaña.
A verdade é que ben merece unha festa, pero debiamola facer os electores que xa non teremos que aturar aos ¿políticos? (onde dan os títulos?) que se tiran os trastos á testa e nos piden que, a lo menos, non votemos ao rival.
Onte chirigotas, orquestas e comilonadas de valde para todos. Os partidos que, entre outras cousas, pregoan unha defensa da hostelería local, arruinaron a tarde-noite do venres de moitos hosteleiros.
Pontedeume "americanizouse"?
Ben, para rir un pouco (non nos queda outra) aquí tedes un vídeo que resume o nivel da política estatal:
Publicado por Eduardo ás 4:29:00 p. m. 0 comentarios
25.5.07
Dando exemplo?
Hoxe remata a campaña. Hai festas por todas as esquinas da vila.
Aquí tedes unha nova para comentar nas churrascadas, mexilonadas e tortilladas convocadas por case todos os partidos:
Na imaxe tomada hoxe sobre as 13:33 (según o meu teléfono) aparece un coche, aparcado no lugar por un candidato á alcaldía (ou polo seu dobre), que chegou sobre as 13:30 e alí quedaba, ás 13:50, no mesmo sitio. (Sabedes que a esa hora está prohibido aparcar nese lugar xa que é un espazo reservado ao transporte escolar).
Como podedes comprobar non era o único, pero mal de moitos...
Dando exemplo?
Hoxe os policias locais non estaban (?) pero aquí queda a imaxe por se poden... tirarlle das orellas?
Sairá esta nova no próximo boletín do COE?
Publicado por Eduardo ás 2:09:00 p. m. 2 comentarios
24.5.07
Promesas?
Está a punto de rematar a campaña e todos prometen (curiosamente case o mesmo que prometeron hai 4 anos).
Como eu, dalgún xeito, tamén pido o voto (recordade imprimir a papeleta), pois debera prometer algo (non?). Como non se me ocorre nada que poida cumprir, prometerei algo que cumprirei a medias:
TREN DE ALTA VELOCIDADE PONTEDEUME - FERROL (viaxe de 3 minutos).
Comprobádeo:
Terá truco? ;-)
Publicado por Eduardo ás 5:13:00 p. m. 0 comentarios
22.5.07
Votamos?
O vindeiro domingo elixiremos aos concelleiros dos próximos catro anos. Por desgraza haberá 13 persoas (sexan as que sexan) sentadas nos sillóns do salón de plenos que non me dan a máis mínima confianza. Repaso brevemente (xa hai ríos de blogs e comentarios máis en profundidade):
BNG: Máis do mesmo.
COE: Non souperon facer, nin sequera, oposición.
IP: Chacho & Cia... NO COMENT.
PP: Debo recoñecer que é o partido local máis renovado, pero non deixa de ser o PP (prohíbemo a miña relixión).
PSOE: Quero (renovar) pero non podo.
TG: Booooommba...
Quedan outras tres posibilidades:
- Abstención: é como unha renuncia ao exercicio democrático (prohíbemo a miña relixión)
- Voto en branco
- Voto nulo
Destes dous últimos eu decántome, como xa comentei aquí, por votalos a todos: Voto NULO.
A miña papeleta será esta:
Apúntaste?
Publicado por Eduardo ás 10:45:00 p. m. 1 comentarios
16.5.07
Mariña de ...?
Non sei se é para bromas. Pero é un bo xeito de loitar: loitar "mediante a risa".
Pero, desgraciadamente, como non tomemos medidas máis serias o litoral Galego vai ser parecido ao mediterráneo e parece que queren xeralizalo no noso concello.
Pretender construír na costa de Ber. Mirade como é ata o de agora:
Debemos loitar por preservar o NOSO.
Primeiro en broma e despois en serio?
Máis información aquí
Publicado por Eduardo ás 3:31:00 p. m. 2 comentarios
15.5.07
Vaia papeleta?
A xornada de reflexión achégase. A campaña electoral non me saca de dúbidas.
Por quen votar?
É que son un mar de dúbidas. Todos teñen algo ... ¿será un DON?
Case que me deberían deixar votar a todos, por exemplo cunha papeleta deste estilo:
Publicado por Eduardo ás 10:09:00 p. m. 3 comentarios
14.5.07
Facémoslle a ola?
Hoxe mitin. Unhas pinceladas sen ánimo de crítica, ou, mellor dito, si, si con ánimo de crítica, pero constructiva:
O señor candidato polo BNG á alcaldía do concello de Pontedeume ten todo o dereito a criticar aos outros partidos no seu mitin, ten dereito a vender os seus logros (moitos ou poucos), incluso ten dereito a facer chistes sobre o nome dalgún outro partido. Ten, tamén, dereito a facer ou a que lle fagan publicidade das súas obras e dos seus saberes.
E ten dereito a criticar aos veciños que temos un blog e recomendarnos que non andemos criticando polos bares ou pola rede e que traballemos por Pontedeume?
Sr. Rey (desculpe se non é con y e é con i?), os veciños que non nos presentamos ás eleccións temos dereito a cantar nos nosos blogs ou nos "nosos" bares as nosas opinións, as nosas inquedanzas e as nosas críticas. Ten vostede razón en que temos o deber cívico e moral de comportarnos e traballar, dentro das nosas posibilidades, para que a vila mellore; pero un xeito de traballar polo ben dun pobo é OPINANDO. Vostede é o que ten (ao mellor adicándose menos a criticar polos blogs e, case diría que polos mítines -nunca o vin polos bares-) que TRABALLAR POR PONTEDEUME que para iso se presenta voluntariamente e, se sae elixido, cobrará un bon soldo, parecido ao que actualmente xa cobra.
Recoñecerá que grazas a algúns blogueros eumeses, que lle tocaron os webs a algúns concelleiros, solucionáronse, ou cando menos non se empeoraron, temas que tiñan moi mala pinta e que ían en vías de desastre. E tamén recoñecerá que o seu cargo público implica que ten que someterse ao veredicto dos seus electores (votáranlle ou non).
Ao mellor os blogueros estabamos fartos de deixar queixas no Concello que ían diretas á papeleira e decidimos facerllas públicas aos nosos veciños, unha transparencia, ista, da que careceu o goberno do que vostede é, ou era, tenente-alcalde. E non dubide que este é un xeito igual de respetable de traballar polo pobo que queremos e que esperamos, ao igual que vostede, se asemelle a un do século XXI.
Pretende que polo feito de presentarse xa lle debemos agradecemento eterno?
Quere que lle fagamos a ola?
Publicado por Eduardo ás 10:27:00 p. m. 3 comentarios
9.5.07
Facémonos socios?
Sabedes que recentemente se presentou a nova Asociación de Veciños de Pontedeume. Para colaborar con eles dende "Pregúntome", poñemos a vosa disposición o documento para facerse socio.
Podedes descargalo e imprimilo para presentar debidamente cuberto.
Para calquera consulta sobre a AA VV de Pontedeume podedes escribir a agarjose@gmail.com
Publicado por Eduardo ás 3:46:00 p. m. 0 comentarios
6.5.07
Teremos que volver?
...Por iso, desde este lugar emblemático de Galicia, queremos lanzar un fío de esperanza e resistencia a todos os reductos do territorio galego ameazado, para xuntos e firmes defender o noso patrimonio irrenunciable: a paisaxe, a vida e a identidade do noso pais, do noso planeta.
Galicia non se vende. Terra viva e vida digna para todas e todos!
Publicado por Eduardo ás 10:38:00 p. m. 0 comentarios
5.5.07
Deporte ou mitin?
As miñas máis sinceiras felicitacións aos deportistas eumeses.
O mérito de Yerai, Alberto, Laura, Marta, Brais, Miguel, Diego e tódolos rapaces e rapazas de Pontedeume é digno de alabanza. O deporte eumés sobrevive apesares de que case non hai onde realizalo. Entidades como Pontumio ou o Eume deportivo que seguen a traballar grazas á dedicación desinteresada duns poucos, merecen o recoñecemento público e sempre será escasa a compensación para os méritos que atesoran.
Pero así como se lle deron trofeos aos deportistas debemos sacarlle, a lo menos, as cores aos concelleiros. Vaia bombo. Vaia pre-campaña electoral. Vaia mitin. Vaia pena.
Onde practican deporte os nenos que non se apuntan (pagando) a algunha das escolas deportivas ou a algún club da vila?
Vaia mérito o de Diego, o ciclista, sorteando aos peóns polo moi escaso carril bici ou xogándose a vida entre os coches. Para cando un carril bici xeralizado para ciclistas?
Onde están os parques con pistas deportivas para todos?
Está moi ben iso da gala e felicito ao concello polo recoñecemento público aos deportistas, pero mellor sería tamén que, efectivamente, houbera deporte municipal.
Ah, sr. Salorio, os mítines a partires do día 11, non lle venda fume aos rapaces. Penoso.
Publicado por Eduardo ás 6:20:00 p. m. 3 comentarios
3.5.07
Meigas fóra?
Na páxina do PSdeG-PSOE de Pontedeume aparece o seguinte:
O NOVO GOBERNO LOCAL E A PARTICIPACIÓN CIDADÁ
Queremos un Concello competente e de calidade, por iso demandamos máis competencias e medios para poder prestar máis e mellores servizos.
01/05/2007
O NOVO GOBERNO LOCAL E A PARTICIPACIÓN CIDADÁ
Queremos un Concello competente e de calidade, por iso demandamos máis competencias e medios para poder prestar máis e mellores servizos.
A Carta Europea de Autonomía Local esixe que unha parte substancial dos asuntos públicos, sexan xestionados polo goberno local, baixo a propia responsabilidade e en beneficio dos seus habitantes.
Algunhas das medidas do bo goberno, que os socialistas queremos garantir dende a nova lexislación estatal e autonómica, como dende o Regulamento propio do Concello son:
1.- A igualdade de xénero e a paridade.
2.- A transparencia na vida pública local.
3.- A rendición de contas públicas.
4.- A transparencia e vixilancia na contratación pública.
5.- A loita contra a especulación urbanística.
6.- A xestión transparente do urbanismo e dos servizos públicos.
7.- Novas formas de participación cidadá: novos Consellos sectoriais e sociais, etc.
8.- Oficina de atención ao veciño: queixas, suxerencias, reclamacións, seguimento dos expedientes,…
9.- Administación intelixente e uso das novas tecnoloxías da información.
10.- Mellora da xestión do Gasto Público local.
11.- Oficina de Control Presupostario
12.- Carta Municipal de Dereitos e Deberes do veciño.
13.- Dereito á simplificación e axilización administrativa dos trámites perante o Concello. Prazo certo ou razoable na resolución de expedientes.
A participación cidadá non é unha alternativa á representación, senón máis ben unha condición necesaria para que nosos representantes gobernen con eficiencia.
Noso compromiso é gobernar para as persoas e coas persoas. Potenciaremos catro obxectivos esenciais para un bo goberno local:
- Veciñas e veciños informados, activos e responsables.
- Unha sociedade civil dinámica e plural.
- Un Concello forte, intelixente e dialogante.
- E un equipo de xestores e empregados públicos ben formados, e motivado para ofrecer os mellores servizos aos eumeses.
Que ben soa.
Todo, todo, todo (ou case) o contrario do actual desgoberno municipal.
Se é que teñen a oportunidade de gobernar, haberá que recordarlle todo isto máis adiante?
Eu non son supersticioso pero... son 13 puntos e habelas hainas
Publicado por Eduardo ás 11:11:00 p. m. 1 comentarios