24.12.06

Ilusións?

Queridos reis magos de oriente (ou de occidente, da igual. O importante é o de MAGOS, MOI MAGOS):

Este ano non quero garabata nin colonia.

A cambio gostaríame que repartirades algo moito máis importante na vila onde vivo: Pontedeume. (Seguro que a coñecedes, é un lugar onde sería ideal vivir se os gobernantes e os veciños tiveran máis vontade de facer as cousas ben)

É por iso que vos pido: BOA VONTADE xeralizada.

Boa vontade para o goberno municipal, tanto para o saínte coma para o entrante (en maio hai eleccións). Boa vontade de querer e facer ben as cousas: en medioambiente, en urbanismo, en cultura, en servizos, etc.

Boa vontade para os veciños. Para que coidemos o mobiliario urbán, para que empreguemos ben os servizos, para respetar as normas (para isto os gobernantes deberan publicitalas correctamente) e aos conveciños, para que teñamos interese en mellorar tódalas facetas da vida pública, etc.

Se a petición vos parece moi ambigua, póñovos a continuación uns aspectos máis concretos a mellorar por parte de todos:

  • A limpeza e a recollida selectiva do lixo
  • A reposición dalgúns fermosos paraxes estropeados con construccións ilegais
  • O coidado do casco vello
  • O cumplimento da lei igual para todos
  • A equiparación de tódolos veciños sen distinción de raza, sexo, amizades, procedenza, etc
  • Unhas instalacións educativas dignas
  • Saneamento da ría acorde ás tarifas cobradas
  • Servizos de auga adaptados ás necesidades (e a unha zona húmida)
  • Instalacións deportivas de uso público e carril bici xeralizado
  • Aparcamento suficiente
  • Alumeado público cando é necesario
  • Pavimenteción das rúas e estradas do século XXI
  • Actividades culturais de calidade para todos

ETC, ETC, ETC (seguro que quedan cousas importantes que os comentaristas deste blog vos recordarán).

Sen máis, despídome recordándovos, maxestades, que a incredulidade xeralizada estase a instalar nalgúns veciños e se facedes caso a esta carta seguro que recuperamos a ilusión perdida por algúns. Aínda que eu non o mereza, seguro que os bos veciños (que os hai) son merecedores dun Pontedeume máis digno.

Un saúdo

18.12.06

Limpeza?

Aseguro que, agás a táboa de planchar, o lixo que vedes na imaxe está ahí desde finais de novembro.

Canto cobra Construeume pola retirada dos restos voluminosos unha vez ao mes?

Que pasou este mes? Non puido pasar a recoller por tódolos sitios?

Sería pola ponte da Constitución?

Seguidamente tedes unha imaxe de como aparece o mesmo sitio despois da inestimable aportación, o sábado pola mañán (polo que permanece ata o domingo noite), do lixo de varios veciños y do almacén dun ultramarinos after hours que hai na Calzada:


Por desgracia esta imaxe se repite tamén nos contenedores subterráneos. Dos que, por certo, presume o concelleiro de turno.

Digo eu que o ex-propietario desa estantería metálica, vendo que o servicio de limpeza non a recolle, podía levala ao punto limpo ou retirala da rúa.

Podería o Concello informar claramente de cando se recollen os voluminosos e do horaio do Punto Limpo?

Podería o Concello educar (ou sancionar) aos que tirar o que non deben onde non poden e cando non deberan?

17.12.06

Nos vos parecen unha secta?

Los nacionalistas indican, finalmente, que no pueden compartir la "obsesión de los que consideran, a través de la crítica destructiva, a Pontedeume como un punto negro dentro del litoral". "Consideramos que hay un futuro urbanístico esperanzador porque estamos a tiempo de evitar los errores que se cometieron aquí o en otros lugares del entorno", concluye el BNG.

Este parágrafo corresponde a unha nova de La Opinión aparecida hoxe e que me deixa abraiado e me fai plantexar as seguintes ...

...preguntas:

Cree o BNG que procurar un urbanismo máis racional para Pontedeume é facer crítica destructiva?

A que erros se refiren... Caldagueiro, casa de D. Pablo, obra paralizada na estación, obras ilegais en Nogueirosa, deterioro do casco vello...?

Quen podía evitar eses erros?

Non sería constructivo destruír esas obras ilegais e facer que os responsables asumiran (do seu peto) as perdas económicas dos compradores?

Nos vos parecen unha secta que quere facer culpables aos demais dos seus tremendos erros?

16.12.06

Será tarde?

Anuncian que "en breve" (para o vindeiro ano e cun retraso considerable) teremos en Pontedeume o Plano Especial de Protección do Casco Histórico.

Chegará a tempo?







Ou esperarán, por algún interese particular, a que ocorra esto?


15.12.06

Providencia divina?

Hai negocios que aparentan estar tocados pola man de... ¿Deus?. Este da imaxe desde a súa apertura gozou dunha especie de providencia divina xa que naceu cun aparcamento (case que é o pan dun negocio eumés) debaixo do brazo.

Ademáis, na guerra das terrazas non ten a competencia da "tiza" de Toci (que debe ser algo así como a Tizona do Cid) nin a do seu veciño e pode ocupar unha beirarrúa sen nengún inconvinte.

Agora sáelle ese apéndice a modo de rampa que eu (lerdo de min) non acabo de comprender. E, por se isto fose pouco, a esa rampa pintáronlle unha linea amarela diante!!

Non a disculparán dicindo que é para os que van en cadeira de rodas?. Eles, coma todos, deberan ir pola beirarrúa e non pola rúa. (Máis que nada, cuestión de seguridade). Esa é a opción que debe garantir o Concello.

Pode alguén explicarme este misterio e sacarme da miña ignorancia?

14.12.06

Resposta?

Aqui temos ao eterno Manuel Fraga (don) respostando ao comentario anterior deste blog.



Este en vez de meterlle o boli no escote da reporteira (como fixo o seu discípulo aventaxado Aznar) saca a lingua a paseo e di polo claro o que pensa o 99% do seu partido.

Sinceiridade ou desFACHAtez?

Por que será que a cabra tira ao monte?

12.12.06

Morto o can... rematou a rabia?

Non chego a comprender como hai xente fascinada polos ditadores.

O exemplo témolo tódolos días no noso país. Hai determinados políticos, fillos do anterior réxime que padecimos, que non quere esquecer (iso non sería de todo malo) nin tampouco condenar actuacións levadas a cabo INXUSTAMENTE pola autoridade non lexítima do poder de Franco.

É máis, tampouco respetan as leis ou os xuízos democráticos cando estes pretenden repoñer a legalidade transgredida polo poder das armas que arrebataron o poder ás urnas.

A Memoria Histórica debe ser reparadora para tódalas vítimas e tranquilazadora para as vindeiras xeracións, no sentido de que algo parecido non se volva repetir. E, por suposto, os culpables deben pagar despois de xuízos lexítimos.

Dentro de pouco, en algún lugar ¿do inferno? espero que o chamado caudillo e o seu amigo Pinochet paguen o que non pagaron en vida e ás súas vítimas - e a todas as vítimas das moitas ditaduras pasadas, presentes e esperemos que ningunha futura - lles sexa devolta, na medida do posible, a liberdade roubada.

Aos fanáticos chilenos do vídeo que tedes a continuación e aos seus amigos doutros países: FELIZ NADA (non hai errata, non falta o L).



Cando rematará esta rabia?

9.12.06

Facemos o suficiente?

Hoxe é o Día Internacional contra a Corrupción.

A Asemblea xeral da ONU proclamou o 9 de decembro como o Día Internacional contra a Corrupción, coa finalidade de aumentar a sensibillización dos gobernos respecto da corrupción e para combatila e prevenila.

Según unha enquisa titulada "Barómetro Global da Corrupción" o sentir dos cidadáns deixa en moi mala posición a policía, partidos políticos e parlamentos.

Restrinxindo o comentario ao ámbito europeo, compre sinalar que o 42% dos europeos cren que os seus gobernos non son eficaces contra estas prácticas. Debe ser en parte por a percepción que temos de que onde máis instalada está a corrupción é nos partidos políticos (esto tamén o di a mencionada enquisa). A proba do pouco grao de sensibilización institucional é a escasa ou nula divulgación deste día conmemorativo.

Pouco, aínda que o noso grao de area podemos aportar, temos para facer os cidadáns por combatir a extrema corrupción en países que están a miles de quilómetros, pero si debemos actuar máis e con máis forza para combatir a que temos ao noso arredor. Non debemos conformarnos co que temos dando a impresión de que a malas formas instaladas en institucións públicas (e privadas de interese público) non son combatibles.

Ás veces parece que as, a miúdo poucas, persoas que se manifestan contra determinadas corruptelas son vistas polos demais cidadáns como ilusos ou case como un novo estilo de hippies "que aínda cren que van cambiar o mundo".

Que podemos facer para mentalizar a máis xente na loita contra a corrupción?

Haberá que propoñer un lazo dalgunha cor chamativa para levar colgando?

Será mellor algún outro obxecto como por exemplo un ladrillo?

8.12.06

Privilexios?


(Aportación dun internauta)

Na imaxe vese un cartel colgado xa desde hai unha porrada de meses.

Neste pobo teñen os constructores o privilexio excepcional, entre outros, de poder acotar espazos públicos?

Previsión e aforro ou preguiza?



(Aportación dun internauta)

As luces das festas das peras seguen colgando ata o nadal, para qué quitalas se despóis hai que volver a poñelas?

30.11.06

Movilizacións?


Os pais dos alumnos do CEIP Couceiro Freijomil estamos sumamente preocupados, non sen razóns, pola seguridade dos nosos fillos. As choivas da semana pasada fixeron inutilizable o edificio de infantil e deixa a dúbida da resistencia do pavillón de primaria visto o desnivel que queda polo derribo da parte de abaixo.

Compre reivindicar das autoridades que fagan tódolos esforzos que estén na súa man (que deberan ser máis que suficientes) para garantir a integridade de toda a comunidade educativa e para, aínda entendendo as incomodidades que poidan causar as medidas urxentes e exepcionais que se tomen, a formación dos nosos fillos non teña atrancos ou teña, co esforzo de todos, os menos posibles.

Para estas reivindicacións é posible que haxa que tomar decisións de movilizacións para presionar aos responsables. Nembargantes, non sería mellor ir paso a paso e non empezar xa drasticamente?.

Seremos capaces de reclamar educadamente unha boa educación pública para os nenos e nenas do Couceiro?

Seremos capaces de ensinar civismo e valores democráticos aos nosos fillos?

Seremos capaces de inculcar nos nosos fillos o respeto a distintas ideas e modos de pensar?

Posible proposta: Non enviar os nenos ao centro ata que un informe técnico detallado indique que as instalacións do Couceiro son seguras e as de Andrade son axeitadas para o cometido que lles avecina. Ademais Xunta e Concello deben comprometerse á busca inmediata dunha mellor ubicación para o alumnado de infantil e, se fose o caso, do de Primaria.
Mentras esto non se cumpra, os nosos nenos non irían a clase e os pais nos manifestaríamos regular e pacificamente pasando por distintas etapas: Primeiro ante o centro, despois ante o Concello, despois ante a Delegación, etc. Por suposto os medios de comunicación deberan cubrir detalladamente estas actuacións.
Ninguén máis ten culpa e non debe pagar por elo (cortes de tráfico ou outros altercados públicos creo que sobran)

Animádevos a plantexar as vosas propostas nos comentarios

28.11.06

Chove sobre mollado?

Tiran o pavillón de infantil do CEIP Couceiro Freijomil.

A avería non é pouca cousa, os alumnos desplazanse para o centro de Andrade, pero non por uns días, a cousa vai para largo.

As augas canalizadas que baixaban, por algunha razón que todos intuímos, non atoparon sitio e saíron cara a superficie inundando o mencionado inmoble con risco de derrumbe. Ante esta situación o inmediato é derrubalo (creo que a decisión xa está tomada).

Quen nos asegura que o outro edificio está seguro?

Corren risco os noso nenos?

Canto tempo estarán os de infantil en Andrade?

Pode o Centro de Andrade asumir 60 novos alumnos?

Desprazarase todo o profesorado necesario?

Cando sairá alguén responsable a darnos explicacións?

23.11.06

Onde está a trasparencia?

Según unha nova que leo en cadenaser.com o goberno central nega a documentación do acordo de finanzación da Igrexa que lle solicita IU.

Parece que a estratexia do noso goberno municipal de negar documentos públicos repítese en máis altas instancias. O que me extraña (aínda que cada vez menos) é que esto ocorra nuns gobernos supostamente progresistas. Máis ben parecen prácticas caziquís.

Gardan con ese celo os documentos privados?

Terán algo que ocultar?

Onde está a trasparencia?

16.11.06

Mirador?

Aportación dun internauta

Mirador de Breamo. Bonita vista: Eucaliptos

Ah non, vense algunhas outras cousas: Lixo


Será mirador ou contenedor oculto? (como os bonitos e prácticos da praza da Calzada ou os da praza do Conde, ou os da praza de España,...)

Será deixadez, incompetencia, abandono ou tomadura de pelo?

Solución "CHACHI": Que se quite o mirador!!!

9.11.06

A remolque?


Aló polas festas das Peras trasládase a sede da ambulancia ata o anterior centro médico; e polas mesmas datas tamén aparece un remolque alí instalado que pensei, inxenuo de min, que tiña relación co asunto. (Podería ser unha especie de camilla supletoria ou algo así)

Hoxe 8 de novembro, dous meses despois, segue ahí coma se nada.

Será parte do mobiliario urbano (do que, por certo, desaparecen as farolas)?

Será que non queren que digan que este pobo vai a remolque, entón pretenden que se vexa que o temos aparcado?

Alguén coñece ao dono?

Pagará vado?

3.11.06

Contaxio?

Medio Ambiente pecha o centro de visitantes de As Fragas do Eume (La Voz de Galicia)

Hai uns días retirábanse as farolas do paseo marítimo porque... se as temos as rouban.

Agora péchase o centro de visitantes das Fragas. Será porque a Consellería de Medio Ambiente recibíu criticas pola mala xestión do parque? (Iso é o que se podería concluír da lectura da noticia en "La Voz")

Entre paréntese adxunto o rebumbio de preguntas que se veñen á testa:
(Se algo recibe críticas, retirámolo e punto?
Se hai problemas de tráfico, pechamos para que non vaia tanta xente?

Tomarían nota na Consellería da política do noso concelleiro?. Ou será un contaxio?

Se non van os turistas ás Fragas xa non se perden; e os lugareños non necesitan sinais nin información.

Asemade, os veciños de Pontedeume non precisan alumeado nocturno porque xa coñecen de sobra o seu pobo, e os de fora... que non veñan de turismo ocasional, natural ou artístico; que compren un bonito piso en, por exemplo, Caldagueiro. Hai que potenciar o mellor recurso que ultimamente está a destacar na nosa vila: O ladrillo desmesurado. Volven a coincidir neste pensamento Concello e Xunta?. Ou será un contaxio?

Total... o patrimonio natural e artístico, a quen lle interesa?)

Pero quizais o que máis me extraña de todo isto é a celeridade en facerse eco da denuncia o xornal "La Voz de Galicia" sen siquera ter contrastado o motivo do peche, sen saber se é provisional (suponse), etc. e sen embargo, hai moitas novas do entorno do noso pobo, tan graves ou máis que esta, das que este xornal non se enterou ou non se quixo enterar.

Por exemplo:

Non sae o da paralización incumplida de Caldagueiro?

Non sae o da denuncia da Xunta da obra de Caldagueiro?

Saíu algo da anulación de licencias en Nogueirosa?

Publicouse algo da intervención da Xunta en vivendas en zona de protección costeira?

Insinuou algo este xornal sobre a obra de correos?

Será tamén contaxio do mal do concelleiro?

2.11.06

Definición?

Estase a falar bastante sobre o novo Estatuto. Pero parece que a maior das preocupacións está na definición deste SITIO.

Non seria mellor discutir sobre os atributos deste SITIO: Un SITIO con uns servizos públicos de primeira división: Educación, sanidade, infraestructuras, transporte, ... Un SITIO onde se coide a paisaxe, o patrimonio histórico e natural. Un SITIO con traballo e vivenda digna para todos. Un SITIO sen inseguridade cidadá. ETC, ETC (seguro que a lista sería interminable)

Desexable sería que tódolos SITIOS estiveran adornados con esas cualidades. E os nosos gobernantes (locais, autonómicos, estatais, continentais e mundiais) se enfrascaran na tarefa de conseguilas.

Despois poñerémoslle nome:

Nazón?
Nacionalidade histórica?
País?
Realidade nacional?
Comunidade?
Sitio?
...
Cal propós ti?

30.10.06

"El señor de los ladrillos"?


A estas alturas de todos debe ser coñecido o comic de "Mortadelo e Filemón" no que se cita a Pontedeume: "El señor de los ladrillos".

Aínda non saímos na salsa rosa ou no tomate pero o gazpacho que se está a preparar neste pobo vai ser digno do mellor restaurante de Marbella.

O plan é unha incógnita que xa está despexada para os amigos de alguén, que mercan terreos aínda non urbanizables a prezo, casi, da "Castellana".

Quen pasa esa información privilexiada?
Estase a forrar con maletíns?
Haberá xente metida no chapapote ata as orellas?
Somos unha vila de chiste?

Pd: Ibáñez, pásate por aquí que tes para catro tomos (3 de urbanismo e un de "varios")

29.10.06

Que problema hai?

"Retiran las farolas del paseo marítimo de Pontedeume tras descubrir que 14 habían sido robadas" (La Voz de Galicia)

E se rouban nunha Farmacia de garda, prohibirán a súa apertura?

E se nos atracan pola rúa, prohibirán pasear?

etc, etc...

Morto o can rematou a rabia

18.10.06

Cemento é progreso?

Vexamos algunha imaxes, imaxinemos a vida diaria en distintas cidades e reflexionemos:

Pontedeume
Pontedeume
Torremolinos
Benidorm
  • Onde, detes exemplos, credes que hai mellor CALIDADE DE VIDA?
  • Por que todavía hai xente que identifica progreso con cemento?
  • Por que todavía hai xente que cre que coas grandes urbanizacións se soluciona o problema do prezo da vivenda?
  • Credes que nesas cidades de vacacións sae gañando o pobo en xeral ou só algúns?
  • Gana algo un pobo sendo masificado un mes ao ano?
  • Por que todavía hai xente que non ten en conta para nada o patrimonio paixasístico?
  • Por que non copiamos o bo e aprendemos a lección dos erros de outros?
  • Por que o crecemento urbanístico non é racional e adaptado ao crecemento demográfico?


Pontedeume
  • Pode Pontedeume convertirse en algo parecido a Benidorm, Torremolinos...?

9.10.06

Breamo do lixo?

(Aportación dun internauta preocupado)

29 de setembro (San Miguel) e 8 de maio: Festas e romerías moi celebradas polos eumeses, que acuden ao monte de Breamo (onde se atopa a ermita románica de S. Miguel); uns para honrar ao santo, outros para honrar ao monte e outros para honrarse a si mesmos. Pero todos para pasalo o mellor posible.

Magoa que algúns non saiban depositar o lixo no seu lugar. Pola falta de civismo de estes poucos o monte queda farto de romeiros e o único que celebra e que acaba a festa e faltan meses para a seguinte avalancha.

É condición necesaria en algunha xente para pasalo ben deixar todo estrado de plásticos e outros desperdicios?

Non se pode reciclar en días de farra?

Se tanto apreciamos esta festa poñamos todo o noso interese en conservala "intacta". Non a estraguemos nin a enguarremos.

2.10.06

Saída do cole?

Primeiro día de clase de outubro.

No CEIP Couceiro Freijomil saen por primeira vez, no presente curso, ás 13:45. Hai uns sinais de prohibido aparcar nos que se aclaran as horas desta prohibición para facilitar o estacionamento dos autocares escolares. Hoxe ao chover vaise montar máis atasco do que xa é habitual. Pero como estes días de atrás estaban os policias municipais denunciando aos vehículos mal aparcados, supoño que a xente xa respetará as normas.

A miña sorpresa é que os autobuses teñen todo o seu sitio ocupado por outros coches e os policias municipais non están á hora de saída na porta do colexio. O atasco é impresionante. Quedei anonadado (case como Belarmino co da inxustiza que se está a cometar ca súa colega de Cabanas).

Onde están os municipais?

Será que chove?

Será que se mollan... ...os papeis no que escriben as denuncias?

E os usuarios dos coches mal estacionados; non saben ler os sinais ou é que lles da igual o caos que montan?

E por que, en xeral, teñen sempre algo máis que dicir?

26.9.06

En construcción?

A imaxe que tedes ao marxe é a da web do noso Concello. Eso é todo o que podedes ver... Nada máis, non funciona NADA
Para cando a web do noso Concello?
Desde cando está en construcción?
Será tan impresionante como indica o tempo que leva facela?
Canto costa?
Poderíase facer en galego?

Ou mellor.... Poderíase facer dunha vez para ter unha canle rápida de comunicación e de información?

15.9.06

Donacións?



Tedes na imaxe ao marxe unha das moitas donacións que fan algúns veciños á comunidade.

Parece que cando algúns non necesitan determinados obxectos póñennos á disposición dos demais para así enriquecer o patrimonio paixasístico do noso pobo e, ao mesmo tempo, dotar de servizos os rueiros de Pontedeume.

Esta imaxe está sacada onte (xoves 14 de setembro) na estrada de entrada ao Castelo de Andrade. Os moitos turistas que visitan este lugar de indudable interese poden sentirse coma na súa casa. (¡Adiante ... ata á cociña!)

Non coñecen algúns veciños a existencia e a utilidade do Punto Limpo?

De interese: O Punto Limpo está no Polígono de Vidrieiro. Tf. 981430591

14.9.06

O can de Pontedeume? (2ª parte)


Aínda que sexa pesado, volvo a preguntarme: Cando a Policia Local ou a Garda Civil tomará máis en serio a "Ley 50/1999, de 23 de diciembre, que regula el régimen jurídico de la tenencia de animales potencialmente peligrosos, desarrollada por el R.D. 287/2002, de fecha 22 de marzo"?

Terá que pasar algo para despois tomar medidas?

Non é isto da imaxe unha infracción penal?

Conste que estas preguntas fanse en referencia a tódolos donos de cans que non cumpren a lei, non só aos donos do famoso can da imaxe.

11.9.06

Puro teatro?

Miro no programa das festas e leo a oferta:

Alborada e foguetes, Mómaros e Cabezudos, Charangas, cucaña, microverbenas e verbenas, fogos (e tamén lumes) de artificio...
Vexo que tamén hai algo de oferta cultural: Bandas (Charamela e outras músicas...) ¡Anda, tamén hai teatro!. Compañía Arjé, unha compañía de rapaces e rapazas acompañados por algún profe do(s) instituto(s) que con moitísimo esforzo van representar unha comedia. ¡Que ben!

Mágoa que cando apareceron os actores na praza da Calzada, a comisión de festas non contaba con eles porque non había nada preparado e a función tivo que suspenderse.

Outro ano será... Se aos rapaces lles quedan ganas, claro.

¡Ah!, pero sempre nos quedará Loliño Jarcía.

Será esto ó que se refiren cando din PURO TEATRO?

8.9.06

Días de festa e pólvora?

Estamos a celebrar as Festas das Peras e tódolos días vemos e escoitamos explotar petardos.
Uns son lanzados por profesionais pero outros son manipulados por rapaces. Algúns deles extremadamente potentes (polo menos polo ruído que fan).

A miña preocupación é que non ocorra algunha desgraza e rematemos mal as festas (La Voz de Galicia).

Non entendo de clasificacións de petardos en distintas categorías (existen tres tipos de productos pirotécnicos que poden ser utilizados por non profesionais: a clase III, cuxa venta está prohibida a menores de 18 anos; os de II, prohibidos a menores de 14 e os da I, a menores de oito) pero dubido moito que se esté cumplindo a lei.

Quen lle vende a menores estas bombas?
Son de clase I, II ou III? , (ou doutra)?
Pode calquera chiringuito vender estes productos?
Quen controla esto?

4.9.06

Xa estáaaaa...?


Despois de non se sabe cantos meses de obras de recuperación dos xardíns de Lombardero quedei abraiado co seu estado. Supoño que a cousa non quedará ahí.

Necesitábase tanto tempo para facer o que fixeron?
É esto definitivo?

27.8.06

Elévase a rúa?

Alertado polo correo dun veciño acudín a contemplar a beirarrúa que fixeron na rúa Porto no edificio coñecido polo de Correos. Ao mellor entendendo que o edificio ten máis altura da permitida o que tratan é de elevar a rúa.

En lugar dos 15 cm estipulados, esta "pasarela" vaise máis aló dos 30 cm. Se nese momento pasa un coche hai persoas que terían imposible subir.

Será unha acera ou un asento?

Será incompetencia ou que os promotores e constructores poden facer o que queren e os gobernantes miran para outro lado?

13.8.06

Carril bici?

Quixera reclamar un carril bici para bicicletas. Un carril no que se amañen os baches (xa sei que hai estradas peores no concello pero unha cousa non quita outra e espero os vosos comentarios) e no que os peóns non paseen estorbando aos ciclistas e viceversa.

Sería bon poñer paneis informativos para recordar que polo carril bici non poden ir os peóns e polo paseo de peóns non poden ir bicicletas?

Ademais: Para cando unha normativa de que os cans deben ir amarrados?.

Véxase a imaxe dunha cidadana exemplar paseando polo carril bici e co can ceibe.

9.8.06

Por que arde Galiza?

  1. A quen beneficia esta desfeita?
  2. Por que non houbo incendios salientables en xullo e arde Galiza en agosto?
  3. Por que se concentran os incendios nuns poucos días de bon tempo e vento?
  4. Será que están organizados por alguén?
  5. Por que a oposición acusa ao goberno autonómico e central de estar de vacacións en agosto?
  6. Por que nos gobernos de coalición, según o sr. Fraga, e máis doado que arda o monte?
  7. Dependerá de que partidos formen a coalición?
  8. Hai tanto piraómano no noso país?
  9. Por que o lume baixa do monte á zona rústica?
  10. Estase a frotar as mans alguén mentras arde Galiza?

3.8.06

Cando se ilumina a nosa vila?


En pleno ano 2006 non entendo de que xeito se acende o alumeado público das rúas da nosa vila.

A unha hora determinada???

Todo o mundo sabe que cada día cambia a hora da saída e da posta do sol. É tan complicado poñer un aparatiño que acenda as luces cando falte a luz solar?. Evidentemente é necesario poñer varios aparatos, xa que hai más luz, por exemplo, na parada dos taxis que na cima da rúa real á mesma hora, pero creo que non é un gasto demasiado desproporcionado. Seguramente é máis costosa a pobre impresión do casco dun pobo na penumbra ás 22:30 horas do mes de agosto. Se non fose polos focos dos negocios das rúas sería imposible pasear a partires de pouco despois da posta do sol.

(Perdoade a baixa calidade da imaxe da Alameda pero, como non había luz...)

31.7.06

Por que esta barbarie?

Desde esta modesta tribuna quero lanzar unha mensaxe de Paz. Para que Israel deixe de bombardear inocentes e a ONU ou a Comunidade Internacional tome as medidas oportunas:

  • Non á guerra
  • Non á violencia
  • Non ao terror
  • á condena das matanzas e á PAZ

28.7.06

Pedra de abalar?



É moi coñecida unha famosa pedra de abalar en Muxía.

Por que non se promocionan as numerosas pedras de abalar do noso Concello?. O reclamo turístico pode ser moi potente.

O que non me explico é por que ese interese en cambialas por outras que, pasados uns días, volven a abalar coma se nada.

Quen pagará os numerosos cambios de pavimentos? (Por respostar axeitadamente a esta pregunta NON hai premio)

Deporte urbano?



Empezo a atoparlle sentido ás trampas urbanas.

Será que queren que fagamos máis deporte e nos poñen salto de obstáculos??

No burato de onte segue sen haber unha valla para non caer e sen embargo a poucos metros hai valla onde, polo menos aparentemente, non é necesaria.

Ponte en forma ...

Trampas urbanas?




Pola tarde abriron un socabrón e nin se preocuparon de poñer un valado ou algún sinal de advertencia por se alguén poidera caer nel. Pola noite seguía igual.

Costa tanto poñer unha estacas e unha cinta arredor?

27.7.06

Solucionado o problema de aparcamento?


???
???
???
???
???
???
???
???
???
???
???
???
Comprádevos un cacharro como o da imaxe e solucionado o problema de aparcamento. ??????? ???? ???? ????

Instalacións deportivas?

O deporte na nosa vila é unha alternativa para os xoves. Gracias ás magníficas instalacións deportivas, os numerosos parques e a faciliadde para acceder a elas, os rapaces e rapazas de Pontedeume practican deporte e actividades que os afastan doutras formas de diversión máis nocivas.

Véxase na imaxe unha das máis famosas pistas de futbol do concello.

Para cando parques e pistas deportivas para os nosos rapaces?

Para que serven os contenedores?

Costa moito abrir a tapa e tiralo dentro?

O exemplar cidadán que tira así a froita podre é o propietario dunnha tenda célebre por vender bebidas para o botellón a altas horas da noite.

12.7.06

Contenedores?


De que serven os modernos contenedores que puxeron en Pontedeume?

Desde logo non serven para o que estaban destinados.

Non sei se hai que educar aos cidadáns ou cambialos por outros nos que se poidan introducir bultos máis grandes. Nestes é imposible meter caixas ou bolsas grandes.

Para unha cousa valen: a beirarrúa é intransitable.

17.6.06

Aparcamentos?



Os parkings de Pontedeume:

Xa hai tempo que proliferan os parkings como o da imaxe que tedes ao marxe na vila de Pontedeume. Estes aprcamentos dado o seu baixo coste teñen inconvintes: Se eres minusválido, obeso, levas un carro dun bebé, etc. debes baixar da beirarrúa á estrada e xogarte o pelexo.

Ademais o agravante de que varios dos coches da imaxe son de exposición e nin están matriculados (polo tanto non pagan imposto municipal). Pódovos asegurar que esta imaxe é habitual non casual.

Para cando aparcamentos para coches e beirarrúas para peóns?

Para cando unha policía municipal que faga cumprir as normas?

9.6.06

O can de Pontedeume?


En Pontedeume temos un can (creo que é raza Boxer) que anda ceibe por todo o pobo como se nada. Máis parece o can de tódolos veciños.

Se, por desgracia, algún día o citado animal provoca algunha ferida a un neno, ou un accidente a un ciclista ou outras moitas circunstancias que se poden dar, lamentaremos non ter tomado as medidas oportunas para que, CUMPRINDO A LEI, o seu dono o leve atado e con bozal.

Tanto costa respetar aos demais e cumprir a lei?

Denuncias variadas

Farto xa de ver anomalias en moitas actuacións de falsos cidadáns que temos ao noso arredor, decidinme a facer este blog para preguntarme se é posible cambiar determinadas actuacións que van contra todo forma de convivencia cívica.

Se ti queres aportar algunha denuncia-pregunta deste estilo ou tes un blog o páxina web de parecidas características prégoche que mo notifiques.