En Pontedeume hai problemas de aparcamento! Afirman comerciantes, algúns veciños e algúns automovilistas.
Efectivamente todos tivemos algúns destes problemas cando (eu fágoo esporadicamente) tentamos levar o coche ata a porta do establecemento ao que nos diriximos. O mesmo nos pasa na Coruña, en Ferrol ou en Madrid; non sei como, pero nunca somos quen de aparcar na porta do local ao que nos diriximos. Ben é certo que nestas cidades soe haber un aparcadoiro (de pago) preto destas zonas e, como mal menor, andamos 400 ou 500 metros e todo arranxado.
O problema é nesta vila dos Andrade. Aquí ás veces temos que aparcar a 100, 200 ou 300 metros do noso destino (se non facemos como algúns que aparcan enriba da beirarrúa ou en calquera outro sitio prohibido). Preguntarédesvos onde está o problema: Pois debe ser que nunha cidade 500 metros é moi pouco pero en Pontedeume 300 é unha distancia insalvable. (Será por aquelo das proporcións, e claro, en linea recta, de Caldagueiro á ponte da autoestrada hai pouco máis de kilómetro e medio).
Outro inconveniente pode ser a falta de escaparates, entón o camiño faise máis longo e pesado. Por iso non podemos aparcar en Cabanas xa que temos que andar máis de 500 metros pola ponte.
A que un paseo de maior distancia pola Coruña parece moi distinto?:
Xa sei que ás veces andamos con presas e non podemos
pasear, pero nas cidades si
paseamos (aínda que como é a presa non lle chamamos así). Deixemos tanto coche, sexamos máis peóns (enriba é saudable), fagamos do casco vello un espazo peonil, deixemos as zonas verdes e as deportivas para o esparcimento (
potenciemos que se usen para o que están concebidas).
Busquemos solucións a longo prazo,
non parches. (Para parches temos nos IES aparcadoiros, enfrente do centro de saúde hai aparcadoiro infrautilizado, no Hotel Eumesa hai espazo "público-privatizado" sen utilizar).
Fagamos un uso racional do coche e convidemos aos nosos visitantes a que o fagan. Se non veñen máis visitantes, creo que non é polo aparcamento. Se lles damos bos servizos públicos, bos servizos privados, limpeza, educación, amabilidade, respecto, coidado do entorno e actividades de calidade é posible que se acheguen algúns máis.
(Imaxes de Google Earth)